Tuesday 30 de April de 2024

A Xunta aposta pola promoción de produtos turísticos sostibles da man do clúster turismo de Galicia


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a campaña de creación do Club de produto sostible e as estratexias para súa comercialización que o Clúster Turismo de Galicia deu a coñecer en Fitur

― O vicepresidente primeiro recordou que o turismo galego deu probas da súa resiliencia en tempos de pandemia e asegurou que agora fará o mesmo coa folla de ruta da sustentabilidade, tal e como recolle o Plan Director 21-23 Galicia destino seguro

― Alfonso Rueda lembrou que Galicia estivo de moda o ano pasado situándose nos postos de cabeza da recuperación turística con case 25 puntos por riba da media nacional grazas ao reforzo da mensaxe como destino seguro e de calidade e confía en consolidar a recuperación do sector co Xacobeo 21-22 e os fondos europeos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a campaña de creación do Club de produto sostible e as estratexias para a súa comercialización que o Clúster Turismo de Galicia deu a coñecer no stand de Galicia en Fitur.

O vicepresidente primeiro recordou que o turismo galego deu probas da súa resiliencia en tempos de pandemia e asegurou que agora fará o mesmo coa folla de ruta da sustentabilidade, tal e como recolle o Plan Director 21-23 Galicia destino seguro.

Alfonso Rueda subliñou que os obxectivos de resiliencia e sustentabilidade que a Unión Europea esixe agora para a promoción turística en tempos pospandemia foron adoptados pola Xunta e polos axentes do sector turístico desde o primeiro día da crise sanitaria. No acto Galicia, camiño da sustentabilidade organizado polo Clúster Turismo de Galicia en Fitur, recordouse a través dos vídeos de promoción Quedamos en Galicia e Presume de morriña que a comunidade galega, da man do sector e co apoio da Xunta, fixo un exercicio de responsabilidade botando man do “sentidiño” e optando polo turismo interno cando as condicións sanitarias así o requirían. “Quedamos en Galicia e presumimos de morriña cando houbo que facelo, e non nos foi tan mal”, dixo o vicepresidente primeiro en relación aos bos datos turísticos cos que Galicia pechou o verán.

Agora, iniciado o 2022, que a Xunta prevé que sexa “o gran ano de Galicia” da man do Xacobeo, o Goberno galego asinou un convenio co Clúster Turismo de Galicia para a creación e promoción de produtos turísticos sostibles e para a posta en marcha do Club de produto sostible, ademais de levar a cabo accións de promoción a través de axencias de viaxes e turoperadores e de traballar na dixitalización e na optimización das canles de promoción.

Na presentación interveu, ademais de Alfonso Rueda, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Ao acto asistiu tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Alfonso Rueda confía en que este 2022 Galicia poida celebrar o Xacobeo 21-22 que merece e que sexa o gran ano do turismo para a comunidade porque ofrece unha proposta tranquila en espazos abertos e en contacto coa natureza que buscan os viaxeiros pospandemia.

Nesta liña, indicou que o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu o ano pasado situar á comunidade nos postos de cabeza da recuperación do turismo en toda España, case 25 puntos por riba da media nacional con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noites, sendo o único destino que en agosto superou as cifras turísticas de 2019. Ademais, no Camiño de Santiago superáronse tódalas expectativas con 180.000 Compostelas, 40.000 máis que as 140.000 coas que estaba previsto pechar o ano 2021.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia volverá a estar de moda este ano, ao igual que o estivo o ano pasado grazas ao esforzo do sector e ao apoio da Xunta para contribuír á súa recuperación con máis de 120 millóns de euros en distintas liñas de axuda e medidas pioneiras, como o bono turístico para inxectar liquidez mediante o consumo interno, ou o seguro coronavirus para ofrecer un plus de tranquilidade cubrindo os gastos derivados ante un caso de infección por covid.

Neste ano, a Xunta espera mellorar os datos cuantitativos e cualitativos para consolidar Galicia como un destino de excelencia, rendible e sustentable aproveitando o tirón do Xacobeo e os proxectos financiados con fondos europeos Next Generation.